martes, 17 de febrero de 2009

Inter-Manchester: Imaxes mentais

Hoxe imos cambiar o formato desto. Hoxe non hai opinión, hoxe é un diario, un caderno de bitácora.


Martes 2 de marzo de 2009, Milano. Hora local 8 da mañá.
Hoxe decidín espertar cedo para aproveitar o día e facer tódolos cálculos das probas e deixar todo listo para mañá poder comezar coas novas.

9:30 da mañá.
Sigo mirando para a taza de café, non arrefría e xa levo como 20 minutos agardando. Decido que é a última vez que deixo ferver o leite, a próxima vez arriscareime a que esté frío.

10:30 da mañá.
Estou no politécnico na sala de ordenadores. Un dos obxectivos do día é conseguir as entradas para o partido que a vindeira semana enfrontará ó lider da liga italiana e ó campión de europa.
NOTA: Onte pola mañá andiven 7 kilómetros en metro para ir a unha box office a comprala, ó chegar puiden comprobar esa curiosidad italiana que consiste en pechar os locais o luns á mañá, alegando que están a facer inventario ou que traballaron o domingo, vai ti saber. Pola tarde intenteino de novo tendo como resposta o clásico xa as esgotamos.
Busco a posibilidade de compralas online, pero o portal mandame unha mensaxe de que está pechado (como é posible!!!???). Decido agardar a mediodía e achegarme a Loreto onde segundo vin nun mapa existe unha oficina da banca popolare di milano.

11:30 da mañá.
Logo de facer un repaso pola prensa por internet engancho o usb e mergúllome no mundo do excel.

12:15 da mañá.
Onde debía haber rectas obteño parábolas e onde debía haber parábolas atopo figuras indescriptibles. Fago o segundo repaso por internet.

12:50 da mañá.
Quedei só na aula de informática, sinal de que é a hora de comer. Deixo por tanto o meu sitio reservado para poder seguir "traballando" pola tarde e vou ata o banco a Loreto. A dirección resultou estar mal, á fin o banco estaba máis preto da fermata Lima que da de Loreto. Como expliquei na nota aclaratoria onte estiven moito tempo no metro e buscando a box office. Como consecuencia disto gastei totalmente a batería do mp3 e pola noite esquecín recargalo.
Debo recurrir a outro método de entretemento. Recurro inconscientemente ó método das imaxes mentais, no que son esperto.
Definición de imaxe mental: algúns optan por dicir que é cando pensas nalgo gracioso, cando tiras de imaxinación e ves algo curioso. Eu prefiro isto, cando ves a un tipo que vai pola rúa rindo só e principalmente mirando ó chan, entón está a ter unha imaxe mental.
Descripción da miña imaxe mental:
Paso de ecuador en Cuba. Hotel de Varadero, segundo día. A noite anterior pillamos unha chea que non vexas, pero hai un home que ten un rictus na cara diferente. Moitos creen que é a resaca da súa vida, pero realmente está a vivir un pesadelo.
Paco está só na súa habitación individual deitado na súa cama de matrimonio. É mediodía e a calor e a humidade son abafantes. Paco está suando. As persianas están case pechadas de todo, a luz que entra é moi pouca pero permite que se vexa un gotón caendo pola súa frente. Os seus ollos están completamente abertos e as pupilas contraense e dilátanse cada pouco. A borracheira que pillou o día anterior fai que a súa testa pareza un helicoptero despegando toc-toc-toc-toc-toc-toc-toc-toc-toc.
Entón comeza a soar a banda sonora de Apocalypse Now e na mente de Paco sucédense os flashbacks. Paco comeza a ver a xente con rasgos asiáticos...
pum-pum, pum-pum, os flashbacks sucédense cada pouco. Agora todo é máis nítido, a secuencia é na entrada do barrio chino da Habana. Vésenos a cara a Yaguito (ou Charly, como vos faga máis gracia), Fraga, un exboxeador olímpico cubano de Barcelona 92 e eu. As nosas facianas denotan sorpresa e temor (menos a do boxeador claro). A secuencia é a cámara lenta e nótasenos bastante conmocionados. Os catro estamos volvéndonos cara atrás ó oir un berro de alarma.
No seguinte flashback vése ó propio Paco facendo aspaventos cos brazos e gritando cara nós: "que vienen por detrás! vienen por detrás!"
Aquel día Paco erixiuse como un heroe e salvounos a vida ós catro, que xa entraramos no barrio chino e que estivemos a punto de caer na emboscada. Grande Paco.
A imaxe mental fixo o seu efecto, rin bastante e axudoume a olvidar a mala sorte do das entradas.

13:30 horas.
Paro a coller un trancio de pizza en piazza Piola e regreso ó politecnico cheo de forzas. Para o tramo entre Piola e o laboratorio reservei unha chamada telefónica que tiña que facer, desta forma cumpro 3 obxectivos: fago a chamada, distraiome nun camiño xa coñecido e monótono, evito que a chamada pase dos 4 minutos (límite que conseguin soportar tras duros adestramentros).

15:00 horas.
Definitivamente os resultados son unha merda, non hai por onde coller os datos.
Chégame unha mensaxe.
Contido da mensaxe: os meus compañeiros erasmus organizaron a viaxe de entroido a Venezia. Esta tarde compramos os billetes de tren.
Confirmo a miña asistencia e pido desculpas póla miña posible demora ó ter que estar traballando no laboratorio.

16:00 horas.
Levo unha hora ou quizais 10 minutos raiando a cabeza a ver se dou feito cos datos. Vendo a imposibilidade de chegar a resultados coherentes decido facer outra viaxe por internet. Podería marchar e así asegurar o chegar cedo á compra do billete, pero a miña conciencia non me permite abandonar o politécnico ata as 17 horas, momento no que xa non queda ninguén na aula de informática e eu consigo a pracenteira sensación de ser o último en marchar e así considerar para min que son o máis traballador.

17:45 horas.
Estación de Lambrate, son o primeiro en chegar, malditos españois!!!

20:15 horas.
Xa na casa.
Na mesa da cociña atopo o sobre do voto por correo. Dou palmadas de alegría e fago un pequeno baile.
Decido renovar o blog a modo de caderno de bitácora. Asemade deixo cargando no youtube un par de capítulos de "Gargolas heroes mitológicos"
Decido tamén que despois de cear renovarei o fotolog, pois teño unha idea xa preconcebida. Veremos...


martes, 10 de febrero de 2009

Cousas de internet

Bueno (e logo saberedes porque), chega un a casa despois dunhas horiñas no politecnico e pensa, vaia, ainda son as 4 da tarde (16 horas), podo andar unha horiña por internet e logo ainda podo volver ao traballo, a descubrir máis información sobre o apaixoante mundo das augas residuais.
Así que son as 8 da tarde (20 horas) e aquí estou, intentando deixar por fin o ordenador aparcado.
Un comeza por facer as clásicas visitiñas: correo, fotolog (moi interesantes onte e hoxe), tuenti, facebook, fontaneros... Non vou enumeralas todas por respecto á miña nai que le estás liñas e que me está a pagar os estudos en Milano, non as horas invertidas en internet (si, é certo, tampouco as enumero todas polos contidos dalgunhas, ti xa me entendes Mario).
O caso é que nestes tempos de eleccións cada certo tempo me deixo caer polo videoblog de anxo quintana (quin.tv). Por certo os outros dous tamén teñen videoblog e o de feijoo é bastante simpático, a maioría dos vídeos son del na súa casa mirando pola ventá ou almorzando e facendo como que lle xurden reflexións espontáneas ao que o rodea.
Vaia, xa me estou indo por outros lares, xa case escribo como falo (outra perla que deixo caer).
Así que nesas estaba cando vin que Quin contestara unha pregunta sobre reintegracionismo. Quin amosábase proclive a achega do galego ao portugués. O que lle fixera a pregunta agradeceulle a contestación e incluíu o link da súa web. Así que como bo internauta accedín á citada páxina. O primeiro que descubrín é que esta non fora a primeira volta que estivera nela xa que outro día coma hoxe, mais (terrible, outra perla) naquela ocasión a través da Voz de Galicia accedera ao blog da rapaza namorada de feijoo, a de ilovefeijoo, e a esta rapaza fixéralle unha entrevista un tal alema. O alema este é o autor da páxina da que hoxe vos quero falar.
É unha paxina en defensa da lingua galega e da súa norma existente. Está moi ben porque o tipo defende as súas ideas ata a fin e as argumenta moi ben. Pero ademáis na páxina postean moitísimos “reintegratas” como el os chama, que aportan interesantísimos datos e ideas tamén a ter en conta. Vaia, que ten bastante nivel. Moi recomendabel.
http://alema.org/
Un dos temas máis curiosos é o do bueno como interxección, montaron ata un grupo en facebook, e as opinións que se verten na páxina son moi boas e curiosas.
Na páxina tamén hai entrevistas, por exemplo a Suso de Toro, gran autor e gran pensador polo menos para min. E digo para min porque nesta entrevista só tres persoas postearon. Nembargante lin outra entrevista que espertou o interese de moitos. Unha gran entrevista:
http://alema.org/2009/02/02/freixeiro-mato-coa-norma-rag-podese-construir-un-galego-mais-autentico/
A foto é boísima (son cravadiños!!!), a entrevista boísima e os comentarios dos internautas tamén... que respecto lle amosan.
Na próxima visita á Coruña intentarei que me explique ben isto do futuro de subxuntivo ou o infinitivo flexionado.
Aínda recordo todas aquelas queixas de Bea porque o escribir o seu proxecto molestábanlle os cambios que sufrira a normativa galega pola súa achega ao reintegracionismo. Fíxate ti por onde, compartíu pupitre co fillo do gran impulsor de todo isto.
Para rematar dous grandes frases dos Freixeiros.
A primeira contouma Iago un día que falabamos de política e políticos con carisma. Díxome que seu pai lle definira a Beiras con estas palabras: “Beiras... Beiras é un Djalminha”, enténdase capaz de facer maxia cando xoga contra o madrid e de desaparecer contra o alavés.
A segunda foi a contestación do propio Iago cando no bar da ETSE lle preguntaron a que hora tiña clase: “Teño clase de 4 a 6 e de 6 a 4”

miércoles, 4 de febrero de 2009

Un pouco de humor

Afortunadamente en Galiza temos unha grande saude no que a humor se refire. Temos ata cousas propias como a retranca, que é de moito humor, e en canto ao tema da ironía, eu podo dar fe de que coñezo xente que de tres frases dous son irónicas. Somos os reis das segundas intencións.
Agora a todo esto chámanlle humor intelixente e está de moda en todo o mundo, así que neste aspecto tamén é o noso momento.

Agora que están preto as eleccións que mellor que falar dese humor que ten a política como referente. Co tema da manifestación de Galicia Bilingüe descubrín algúns blogs moi interesantes que saben tomar a cousa con humor e ironía:
http://tangallegocomoelgazpacho.blogspot.com/
http://upeydeiros.wordpress.com/
A primeira é a versión de coña dun blog que se chama tan gallego como el gallego e que da bastante medo. O segundo é a versión de coña da páxina web do partido de Rosa Díez.

E agora un tema humorístico polo que sinto amor-odio. Os monólogos.
A cousa é que a idea é moi boa, un tipo ahí diante, el só. Pero claro é moi complicado.
Eu coido que con que un este só no escenario e principalmente o que faga é falar xa é monólogo, por suposto mellor se ademáis de falar sábese mover ben polo escenario e que interactue un pouco coa xente (pouco porque senon pasaría a ser diálogo).
A cousa de amor-odio é porque principalmente hai cousas que non me gustan, que me aburren. Naquel programa do club da comedia o monólogo fíxose famoso, foi un programa necesario, pero ese tipo de monólogo é o que a min non me enche. Todos esos que comezaban co de "se han fijado ustedes en las marcas de lavadoras..." ou eses outros de "guerra de sesos" que non me acababan de convencer. Quero dicir, falar das navidades ou das diferencias entre homes e mulleres pode ter moita gracia no primeiro monólogo, pero non se pode estar varios anos vivindo das "cousas curiosas" que rodean o mundo.
Os monólogos son mellores canto máis axustados están ó público ó que se dirixen, cando te contan algo do teu pobo, en definitiva cando o que che contan é unha anecdota coa que te podes identificar ou que podes identificar na xente que te rodea. Neses casos non ris, neses casos fartaste a rir.
Unha vez tiven unha discusión sobre este tema. A persoa coa que discutia fora ver un espectaculo de monólogos e lle gustaran todos menos o de Carlos Blanco. A discusión tívena porque eu vexo a Carlos Blanco como o gran monologuista galego. Vínlle varios espectáculos e en todos eles conseguiu que fartara a rir. Primeiro porque como é un espectáculo ambulante sabe acomodalo a cada cidade á que vai. Segue un pequeno guión pero se ese día pasoulle algo de interese, ou na cidade anterior ocorreulle unha anécdota no espectáculo pois cóntaa. É incrible a capacidade de improvisación que ten, é por tanto un espectáculo en constante evolución. Ademáis basea os seus monólogos en experiencias da súa vida e a súa carreira, ou pola contra únese a kiko Cadaval e entre os dous inventan unha historia de ficción, un conto. Menudo crack.
A versión máis light deste artista témola gracias á televisión de galicia co programa Somos unha potenzia, no que cando remataba facía un dos seus monólogos máis xeneralistas, monólogos para toda Galiza que son boisimos, pero ós que lles falta ese aquel que consegue cando o seu público pode sentirse 100% protagonista.
Basta de falar, imos desfrutar dalgún exemplo:
http://www.youtube.com/watch?v=kUJD16XzEhg
http://www.youtube.com/watch?v=0cO6jg5gIzU&feature=related
http://www.youtube.com/watch?v=Kmoic0YgfgM&feature=related