martes, 3 de marzo de 2009

Reflexións sobre o 1 de Marzo

Día interesante o de hoxe. Despois de máis dun mes ou incluso dous, á iso das 7 da tarde decidín darlle un respiro ó meu corpo e ir correr, sacalo a paseo e demostrarlle que ten 24 anos, que ainda hai esperanza. Facíalle falta.
Logo do "proxecto de carreira" o corpo queda baldado e aparece esa máxima que di "mens sana in corpore sano", e efectivamente, a mente reactívase e a un venlle de novo as gañas de escribir.
Van xa dous días enteiros desde o descalabro nas urnas do bipartito, tempo suficiente para asimilar os resultados e poder deixar aquí algunhas das miñas impresións.

A primeira é a miña preocupación pola lingua galega. Confío en que os gañadores non se deixen levar pola asociación Galicia Bilingüe, creadora do maior conflicto lingüístico na historia do pais en democracia. Foron capaces de crear da nada un odio cara a lingua propia do pais ó presentar ó castelán como unha lingua en perigo. Esta mensaxe calou con forza nos medios de comunicación madrileños, na súa maioría nacionalistas, e o seu aparello mediático non parou ata converter a Galiza nunha nova "Euscadi" no que a connotacións negativas poida ter isto. A mensaxe fixo efecto, e moitos galegos tiveron medo de que os españois nos mirasen mal por ser diferentes.
Hai que puntualizar aquí que queixas dos cidadáns sobre o uso da lingua houboas sempre, o que pasa que as queixas dos galegofalantes por ser obrigados no seu traballo a usar o castelán non pasaban de ser meras anecdotas. As queixas dos galegos que non queren ser tratados en galego pola administración ou que os seus fillos teñan unha educación en galego vivindo en Galiza (segundo oín unha das principais razóns é que os pais non lles poden axudar a facer os deberes. Ainda máis, o ano pasado o xornal El mundo publicaba un artigo no que se dicía que o bilingüismo pode provocar nenos tatexos), estas queixas, trouxeron a Galiza un conflicto que da noxo e que se utilizou como arma electoral contra o bipartito.
Da mágoa pensar que moitos dos que agora tiran contra o galego por querer para os seus fillos unha educación en castelán non deixan de ser fillos de galegos que sofriron unha educación en castelán sendo galegofalantes. A "vendeta" do galego, a dos galegos ós que se puteou durante 40 anos quedou en nada. Segundo teño entendido o novo goberno ten pensado derogar o decreto que os tres partidos con representación no parlamento firmaran e no que se ía garantir que o galego fose a lingua normal da escola. Agardemos que este sexa o único erro do novo goberno.

A segunda reflexión é de alegría. Principalmente polo bloque. Explícome.
O PP gobernou durante 16 anos con maioría absoluta e sen sorpresas eleccións tras eleccións. Sempre se falou de corrupción e clientelismo durante os seus gobernos. Nunca importou, a xente os seguíu votando.
Poren fai catro anos a xente non aturou máis que lle tomasen o pelo e apareceu o bipartito. Analizando a visión que deu o xornal máis lido en Galiza do bipartito durante a campaña electoral temos o seguinte:
Por un lado, ó PSOE de Touriño presentárono como un partido que gobernaba cedendo en todo para o BNG, e o propio Touriño coma un monicreque nas mans de Quin.
Do BNG xa pouco tiveron que sacar máis que darlle publicidade ó mitin trampa dos xubilados, a algun concurso de oposicións de dubidosa lexitimidade e ó tamén dubidoso concurso eólico.
Toda esa xente que votou polo cambio fai catro anos, que votou por desterrar a corrupción e o clientelismo de Galicia doulle as costas ó bipartito porque entendeu que este lle dera as costas a Galiza.
De todo esto eu saco un detalle que me encanta e que me fai ilusionar de novo. Tanto o PSOE coma o bloque, pero especialmente o bloque que foi o que máis defraudou, non poden errar.
Para eles non existe dereito ó erro. Se o fas mal, os teus votantes néganche o voto, castígante democraticamente. Para min isto foi o que pasou.
Non creo nunha Galiza que ten como partido hexemónico o PP, senón que creo nunha Galiza que leva 4 anos agardando o cambio, e que o vai seguir buscando si este non chega tampouco agora. Poida que o PP conte cuns votos seguros pase o que pase, faga o que faga. Pero cando non tes a presión dos grandes partidos acabas errando. O bloque levou unha grande lección con estas eleccións, non pode errar, vai ter sempre enriba a presión dos grandes partidos porque os seus votantes non ceden.
Este é o momento de darse conta de que non queremos xiros ó centro nin convencer ós vellos con pulpadas, o que a sociedade galega quere do bloque é que se convirtan nos auténticos heredeiros de Castelao. Amor por Galiza si, pero máis amor ainda pola xustiza.
Os dous partidos quedaron xa avisados e en tempo record. Erros Nunca Máis.

Nota: 7,0 notable en selección de materiais. A 15 créditos de ser enxeñeiro.