lunes, 26 de enero de 2009

Hai temas que dan para moito. Son temas que dan para tanto que ata da pereza porse a falar deles polo moito que se quere dicir, e que o mesmo tempo dan vertixes polo complicados que son de tratar. Un destes temas é o bilingüismo e a guerra de linguas que conleva, xa que admitámolo, o bilingüismo harmónico é unha utopía.

Sobre esta cuestión existen moitísimas opinións de diversa índole. Unha das que máis me gusta é a dos políticos de PP e PSdeG cando se lles pregunta se falan galego. É a resposta hipócrita por excelencia, "dependendo do interlocutor". Digo eu que habería que ver a esta xente chegando a unha cafetería ou asistindo a unha festa e os pobriños sen poder saudar á xente, porque claro, non sabendo en que fala o seu interlocutor ata que comece a falar... Menos mal que tiveron a sorte de que ola e hola pronúnciase igual.
Eu que sempre pensara que os políticos éranche xente moi estrovertida, pois xa ves, caladiños ata ver o que fala o de diante, que eles non teñen lingua propia.
De feito así se explican algunhas das demoras políticas que ten Galicia, quizais foi por esto polo que no se chegou a acordo para reformar o estatuto.
Esta claro que fanno porque moitos, por non decir todos, falan castelán a non ser que o interlocutor sexa galegofalante, ou mellor ainda sexa periodistagalegofalante.
Non o entendo, ninguén os ía mirar peor por recoñecelo. Todos temos unha fala, eu teño o castelán como lingua nai, aprendín a falar e a escribir nese idioma e hoxe en día segue a ser a miña primeira opción cando falo con alguén ó chou. No futuro quizais consiga ser un dos agora alcumados neofalantes, que teñen como lingua nai o castelán pero que co tempo cambiáronse ó idioma propio do pais. Verémolo.

De todas formas non quería eu hoxe dar a miña perspectiva sobre bilingüismo, diglosia, etc. De feito o apunte que fixen sobre o meu caso obedece máis a facer unha presentación do que son antes de falar outro día do que penso. Xa dixen que este tema da para moito.

Así que cal é o tema de hoxe? Pois a cousa está relacionada con todo esto. Un que se sente galego e comprometido co pais e a súa lingua pode aceptar e asimilar comentarios de todo tipo xa sexan do señor Feijoo ou dalgunha plataforma estrana como Galicia Bilingüe. Pero hai cousas sen embargo que poden coa miña saude. Cousas que chegan normalmente dende Madrid, esa última nación creada no século XXI. Ata o de agora o madrileñismo era un bastión defendido únicamente polo PP de Esperanza Aguirre, pero é que agora saiulles competencia, e dá ainda máis medo, porque atrévese a opinar do resto. Pois si, o madrileñismo subíu un chanzo e foi gracias á aparición de Rosa Díez e o seu partido UPyD.
Que gran verdade eso de que a merda mellor limpala na casa, porque manda carallo que veña esta ex-socialista (como gañaron con ZP) a salvar Galiza. Ufff, é que énchese un de carraxe ó ler o que di.
E que di? pois estas son algunhas das perlas que soltou en Santiago:
"a sociedade galega é moi distinta dos políticos que a representan".... si Rosiña menos mal que viñeches ti, que da sociedade galega sabes moito máis que os galegos.
en Galicia "hai menos liberdade e igualdade que hai catro anos". Nesta liña, acusou o bipartito de "xerar problemas co idioma que nunca tiveron os galegos".... neste caso non sei se se refería ós galegos que para traballar en Galiza vénse obligados a cambiar ó castelán. Ou vaia, igual si que se refire a ese caso, porque a algún empresario non lle debeu sentar moi ben que o castigaran por iso.
Agora veñen as mellores, atención a este parágrafo literal que saquei do xornal:
Díez acusou os nacionalistas galegos de "facer o que Sabino Arana fixo no País Vasco hai cen anos" e de "invertar unha historia, un mito, para separar", ademais de "usar a lingua para marcar territorio e demostar quen manda". Neste sentido, subliñou que as políticas lingüísticas adoptadas levan ó "fracaso e á marxinación" e que "non sempre máis autonomía significa máis garantías", o que, na súa opinión, está demostrado en materia educativa. Nesta mesma liña, resaltou que UPyD é o único partido que "defende o mesmo en toda España" e que "somos españois sen complexos, temos ambición de país".
Terrible, logo de ler esto un par de veces pasei de sentir carraxe a mágoa. Pobre muller, pásalle o que a DaVinci pero ó revés, ela é dunha época pasada. É un reflexo da sociedade madrileña do século XVIII, falando das provincias, neste caso da galega, esa que é complicada de meter na historia do pais, dos íberos, dos visigodos do idioma español. Pobriños os galegos, que teñen un clima diferente, un chan diferente cheo de pedras, unha paisaxe diferente, que falan mal o español. E claro esta xente que pensa así dáselle por querer vir "axudar".
Porque efectivamente, o da historia inventada da moita risa, máis tendo hoxe os estudios científicos que temos e que corroboran con datos e non con conxecturas o pasado propio de Galiza.
Pero o de que defenden o mesmo en toda España, eso máis ben da medo. Definitivamente esta muller quérenos afundir. Imaxinade ben o que isto significa. Outra vez Galiza olvidada para defender os "intereses de España". Queremos producir máis aceite de oliva que somos unha potencia, e máis leitugas e hortalizas (que se fodan os franceses), e bue, a cambio facemos menos leite que eu non vin unha vaca na miña vida.
Vaia, creo que todos os galegos queremos no fondo unha política propia para nós, é o que ten o millón de vacas, ter o maior % da costa española e estar cheos de minifundios. Esperemos que a Rosa Díez e ós seus secuaces non lles vaia ben.

Como regalo final unha noticia que chamoume moito atención e que saia hoxe na voz de Galicia edición dixital. Fai referencia á empresa "madrileña" (polo menos é alí onde deixa os cartos) Fenosa, e ós apagóns sofridos estes días no pais.
Pois ben, a noticia é:
El delegado de la compañía en Galicia, Luis Díaz, ha asegurado en una entrevista en Radio Voz Ferrol que no habrá un aluvión de reclamaciones porque «el gallego es una persona comprensiva». El último recuento estima que 217 hogares siguen a oscuras.
Mexan por nós e hai que dicir que chove.

No hay comentarios: